GL EN

Novas

02 abril 2024A investigadora do CINBIO Herminia Domínguez, unha das protagonistas da nova edición de 'Quero ser investigadora'

Valorar e dar visibilidade ás investigadoras da institución, ademais de tratar de espertar a vocación científica entre a mocidade galega con figuras femininas da súa contorna como referencia, son os principais obxectivos cos que a Universidade de Vigo acaba de publicar un novo volume, o cuarto xa, do catálogo Quero ser investigadora.

Nesta cuarta edición, ilustrada por Laura Antelo Gómez, difúndese a historia de dez novas referentes, dez mulleres, dez investigadoras, dez nenas que quixeron dedicarse ao que máis lles gusta: achegar novos coñecementos sobre a súa área de traballo que axuden á sociedade a avanzar cara un futuro mellor. Tal e como subliña no preámbulo do libro a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, trátase de “ofrecerlles ás novas xeracións referentes actuais e próximos”, así como de “apoiar a investigación feita por mulleres”.

Unha das historias que protagonizan esta publicación é a de Herminia Domínguez González, do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO. Para ela “a diversidade é riqueza”. Destaca, ademais, a necesidade de colaboración para afrontar os novos retos e atopar novas solucións na actualidade. “A investigación esixe traballo en grupo”, establece.

Esta publicación, financiada pola FECYT, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades 2023/2024 da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i). Dirixida ao alumnado de ensino secundario, tanto ESO como Bacharelato, conta cunha edición en papel que se está a distribuír nos  institutos de toda Galicia, así como dunha versión dixital. A maiores o libro acompáñase dunha guía didáctica e de contidos gamificados coa ferramenta Genially, de cara a facilitarlle ao profesorado o traballo co catálogo nas aulas.

Fonte: DUVI