GL EN

Novas

02 febreiro 2024As científicas do CINBIO súmanse á celebración do Día da Muller e da Nena na Ciencia

Una ano máis, as científicas do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, súmanse con numerosas actividades divulgativas á conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11F). O obxectivo é claro: visibilizar o traballo das investigadoras deste centro de investigación e fomentar as vocacións das novas xeracións a través dunha celebración que se desenvolve entorno ao 11 de febreiro en todo o mundo. 

Charla interxeracional no edificio Redeiras

As actividades arrancan este mesmo venres 2 de febreiro cunha charla interxeracional organizada pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo co obxectivo de poñer en contacto a catro investigadoras de diferentes xeracións para compartir as súas experiencias como mulleres do ámbito científico. Formará parte desta mesa redonda a investigadora do grupo de Filoxenómica do CINBIO, Nair Varela, e, xunto a ela tamén participarán Sara Albán, doutora en Filoloxía Inglesa; Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; e Inés Celia Iglesias, catedrática de Dereito Procesual da UVigo. O coloquio estará moderado pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e dará comezo ás 18:00 horas no segundo andar do edificio Redeiras, en Vigo.

Charlas en centros educativos de Galicia 

Lara Costas Ríos, do grupo FunNanoBio; Almudena Casas Acuña e Tania Prieto González, do grupo TeamNanoTech; e Diana Valverde Pérez, líder do Laboratorio de Enfermidades Raras, son as investigadoras do CINBIO que participan na Iniciativa 11 de Febrero co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación. Preto de 260 estudantes de cinco centros educativos de Galicia achegaranse ao seu traballo como científicas entre o 2 e o 15 de febreiro.

Charla para mulleres do proxecto Non hai fronteiras

A programación complétase coa charla que Verónica Salgueiriño, líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO, ofrecerá ás mulleres do proxecto Non hai fronteiras, promovido polo Plan Comunitario do barrio de Teis de Vigo o 5 de febreiro ás 17.00 h. No relatorio falaralles do seu traballo como investigadora no ámbito dos nanomateriais magnéticos para aplicacións biorrelacionadas e previamente as participantes tamén terán a oportunidade de coñecer a súa historia a través do libro ilustrado Quero ser investigadora 3 da UCC+i da UVigo.

Elas Fan CienTec en Vigo

A subdirectora do CINBIO na recepción das estudantes na pasada edición de Elas Fan CienTec

O xoves 8 de febreiro celebrase a oitava edición da iniciativa Elas Fan CienTec, na que, co aoio da UCC+i e da Unidade de Igualdade da UVigo, alumnas de catro institutos da provincia de Pontevedra visitarán varios centros de investigación e facultades do campus de Vigo para coñecer o traballo que as investigadoras levan a cabo nos seus laboratorios. Nesta ocasión, o CINBIO abrirá as súas portas a un grupo de 47 alumnas do IES Castelao de Vigo, que poderán aprender e experimentar en primeira persoa a través de obradoiros que inclúen dende a preparación de nanopartículas de ouro e a comprobación das súas propiedades ópticas, a exploración dos conceptos de quiralidade e biomimetismo, o estudo das enfermidades raras, a síntese de nailon, a busca de neurocircuítos, ou a visualización de células inmunitarias. Todas as actividades ofrecidas no centro serán organizadas polas investigadoras dos grupos ORCHID, NanoBioMateriais Funcionais, TeamNanoTech, Materiais Magnéticos, Física e Química de Materiais, Nanomateriais Biomiméticos, Neurocircuits, do Laboratorio de Enfermidades Raras e do servizo de Citometría do CINBIO, que acompañarán ás 47 rapazas e as súas docentes ao longo do seu percorrido polos diferentes laboratorios do centro.

eXXperimenta en feminino en Ourense

Investigadoras de EQ-2 na pasada edición de eXXperimenta en feminino

O venres 16 de febreiro será o turno das compañeiras do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2), que participarán na VII edición da feira divulgativa eXXperimenta en feminino (Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), que terá lugar no edificio Politécnico do campus ourensán e arredores, aberta a alumnado de toda a provincia de Ourense e ao público xeral entre as 10.00 e as 18.00 horas. As persoas asistentes coñecerán o principal obxectivo do traballo das científicas de EQ-2, as materias primas e as tecnoloxías que aplican, así como os produtos obtidos neste grupo de investigación.

O programa completo de actividades do #11FnaUVigo pódese consultar na seguinte ligazón.

Outras actividades para conmemorar o #11F

Ademais, as científicas do CINBIO tamén participan en actividades divulgativas promovidas por outras entidades como o Sociedad Española de Bioquímica y Biología Molecular (SEBBM) e o Concello de Vigo.

O vindeiro luns 5 de febreiro, María D. Mayán Santos, líder do grupo de Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CELLCOM) do CINBIO, moderará unha mesa redonda dentro do evento Desafiando techos de cristal: mujeres en ciencia, emprendimiento y liderazgo promovida polo grupo Mujer y Ciencia da Sociedad Española de Bioquímica y Biología Molecular (SEBBM). O encontro terá lugar no salón de actos do Instituto de Biomedicina de Sevilla a partir das 10:10 horas.

Por outra banda, a investigadora do grupo de Filoxenómica do CINBIO, Nuria Estévez, impartirá unha charla dentro do acto organizado polo Concello de Vigo no museo Verbum para celebrar o “Día da muller e da nena na ciencia”. Esta iniciativa, na que participarán arredor de 180 estudantes de Primaria e Secundaria, terá lugar o xoves 8 de febreiro entre as as 09:30 e as 13:30 horas.